💚🧡 Baiona acollerá unha Xornada Solidaria polo Día Mundial da Fibrose Quística
A Asociación Galega de Fibrose Quística celebrará o vindeiro domingo 6 de setembro unha xornada chea de actividades para toda a familia, coa Andaina Solidaria de 8 km como unha das propostas destacadas do programa.
Con motivo do Día Mundial da Fibrose Quística, a Asociación Galega de Fibrose Quística organiza o vindeiro domingo 6 de setembro unha Xornada Solidaria en Baiona, que se desenvolverá durante todo o día na Praza do Concello, desde as 10:00 ata as 22:30 h.
A xornada nace co obxectivo de reunir a familias, persoas colaboradoras e cidadanía arredor dunha celebración que permita dar visibilidade á Fibrose Quística, compartir un día de lecer e convivencia e apoiar o traballo que desenvolve a Asociación.
Ao longo da xornada poderase gozar dunha ampla programación de actividades deportivas, lúdicas e culturais para todos os públicos: Andaina Solidaria, inchables, maxia, obradoiro de xadrez, Zumba, pasacalles, photocall solidario, actuacións musicais, danza, espectáculos e sorteos de agasallos, entre outras propostas.
🥾 Andaina Solidaria: 8 quilómetros para gozar de Baiona en familia
Unha das actividades principais desta xornada será, un ano máis, a Andaina Solidaria, organizada en colaboración co Club Cornelios.
A proposta invita a percorrer 8 quilómetros por Baiona, gozando da contorna, facendo exercicio e compartindo unha mañá diferente en familia, ao mesmo tempo que se colabora coa Asociación Galega de Fibrose Quística.
📅 Domingo 6 de setembro
📍 Saída: Praza do Concello de Baiona
⏰ Hora de saída: 10:00 h
🥾 Percorrido: 8 km
As inscricións permanecerán abertas ata o 5 de setembro de 2026 e poderán realizarse a través da seguinte ligazón:
👉 https://forms.gle/gnPNiiJ8phgxVJ3M9
A inscrición formalizarase mediante a adquisición de 3 rifas solidarias, a 1 € cada unha, na mesa da Asociación Galega de Fibrose Quística o día do evento. Estas rifas permitirán, ademais, participar nos sorteos de agasallos que se celebrarán ao longo da xornada na Praza do Concello. A saída da andaina está prevista para as 10:00 h.
Animamos a todas as persoas que queiran participar a inscribirse e acompañarnos neste percorrido. Será unha oportunidade para coñecer Baiona dunha maneira diferente, gozar dunha actividade ao aire libre e compartir tempo en familia mentres se apoia unha boa causa.
🎉 Unha xornada para compartir
Ademais da Andaina Solidaria, durante o día sucederanse diferentes actividades para gozar na Praza do Concello.
A programación inclúe inchables, maxia, obradoiro de xadrez, photocall solidario, Zumba con Bruno Hermida, pasacalles, o espectáculo Moby Dick da compañía Pedras de Cartón, actuacións de Jóvenes Cantantes, Danza pola FQ e o monólogo de Bairetranca, ademais dos diferentes sorteos de agasallos.
Será, polo tanto, unha xornada pensada para participar, gozar e achegar a Fibrose Quística á sociedade, un dos obxectivos fundamentais da comunicación da Asociación.
🎁 Sorteos solidarios
Durante a xornada tamén se poderán adquirir rifas solidarias na mesa da Asociación, que permitirán participar nos diferentes sorteos de agasallos programados ao longo do día.
Estes sorteos son posibles grazas á colaboración e solidariedade das persoas e entidades que quixeron contribuír á organización desta xornada.
Desde a Asociación queremos agradecer todas as colaboracións recibidas e sinalar que seguimos recibindo novas colaboracións. Todas as persoas e entidades colaboradoras publicaranse integramente o día do evento.
Así mesmo, aquelas persoas e entidades que realizaron doazóns especificamente destinadas ao sorteo solidario aparecerán nun cartel específico que se elaborará con motivo do sorteo e que será publicado o mesmo día da xornada.
🙋♀️ Tamén precisamos persoas voluntarias
Para poder desenvolver todas as actividades previstas precisamos contar cun equipo de persoas voluntarias que nos axuden durante a xornada.
Quen queira colaborar pode poñerse en contacto coa Asociación a través de fqgalicia@fqgalicia.org ou chamando ao 687200684, indicando o horario no que poderá participar. Deste xeito poderemos organizar previamente o equipo de persoas voluntarias e distribuír as diferentes tarefas.
Toda axuda é benvida e será fundamental para facer posible esta xornada. 💚🧡
💚🧡 Agardámosvos en Baiona para compartir un día de solidariedade, deporte, lecer e convivencia arredor da Fibrose Quística.





